viernes, 28 de marzo de 2008

AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DUN ORDENADOR

O día 10 de marzo saíron publicadas no Diaro Oficial de Galicia as axudas a alumnos e alumnas de niveis non universitarios para a adquisición dun ordenador persoal.
O prazo remata o día 10 de abril, polo que todos aqueles que queirades optar a axuda de 300€ debedes ter enviada toda a documentación antes desa data.
Atoparedes máis información no seguinte enlace: https://www.edu.xunta.es/axudasord/ ou ben dirixíndovos á OMIX do Concello de Salceda de Caselas e falando coa Dinamizadora da Sociedade da Información.

martes, 18 de marzo de 2008

CURSO DE PROCESADOR DE TEXTOS

A Rede de Dinamización e os concellos do Porriño e de Salceda de Caselas, en colaboración con Mancomun.org, acollerán o curso de Procesador de Textos que será impartido no Centro Neural do Centro Multiusos de Torneiros do Porriño en horario de 19:00 a 21:00 horas entre os días 24 de marzo e o 8 de abril.
O obxectivo que se pretende acadar con este curso de introducción á sociedade da información é que as persoas asistentes coñezan a funcionalidade dun procesador de textos de código aberto. Neste caso estamos a falar do OppenOffice Writter. Farase especial fincapé no emprego do Software Libre como unha alternativa válida e eficaz ao software privativo.

Se queredes recibir máis información sobre este curso ou sobre outros de formación específica que estamos a organizar non esquezades que estou a vosa disposición na OMIX do Concello de Salceda de Caselas ou ben no enderezo leticia.salceda@dinamiza.sociedadedainformacion.eu.

lunes, 10 de marzo de 2008

"IGUALDADE NA REDE: CONCURSO DE RELATOS"

Os concellos do Porriño, Ponteareas e Salceda de Caselas en colaboración coa Rede de Dinamización da Sociedade da información están a desenvolver un concurso de relatos na rede co gallo do Día Internacional da Muller Traballadora que se celebra o 8 de marzo.

A iniciativa ten como obxectivo permitir que os cidadáns poidan crear un relato que verse sobre a vida dunha “Muller Traballadora” e realizar, deste xeito, unha pequena homenaxe individual a cada muller á que se lle adique o relato e unha homenaxe grupal, ao conmemorar a todas as mulleres que durante anos foron, son e serán “Mulleres Traballadoras”.

O concurso estará dividido en tres categorías: infantil (de 0 até 14 anos), adultos (de 15 até 59 anos) e maiores (mais de 60 anos) .
O texto deberá estar escrito en galego e non debe ter unha extensión de mais de 45 liñas, en letra Times New Roman, tamaño 12. Os relatos deben ser orixinais e non ter sido presentados con anterioridade. Admitiranse relatos até o día 31 de marzo. As obras que non cumpran estas normas quedarán fóra de concurso.

Os relatos enviaranse ou ben ao seguinte correo electrónico:
leticia.salceda@dinamiza.sociedadedainformacion.eu debendo aparecer os datos persoais do autor (nome, teléfono, enderezo, correo electrónico). Achégarase o relato cun título e asinado cun pseudónimo. Ou ben podedes levar o texto orixinal até a OMIX, Praza do Concello s/n.
Tódolos relatos e o fallo do xurado será publicado no blog http://igualdadenarede.blogspot.com/.