martes, 17 de junio de 2008

AXUDAS PARA A CREACIÓN DE CONTIDOS INTERACTIVOS EN GALEGO

Na páxina da Rede de Dinamización atopamos información sobres estas axudas. Segundo a convocatoria enténdense por contidos dixitais interactivos as producións constituídas por un conxunto de informacións representadas en múltiples soportes expresivos (texto, son, imaxe estática ou en movemento e codificadas dixitalmente). Non se admitirán proxectos que non sexan en rede agás para os videoxogos, nin se admitirán obras de consulta, ferramentas e servizos de software, proxectos institucionais ou web corporativas, traducións de produtos existentes ou contidos meramente informativos. O prazo de presentación das solicitudes para acollerse ás axudas remata o 12 de xullo.
As axudas buscan impulsar o uso da Sociedade da Información entre a cidadanía galega, favorecer o acceso da cidadanía mediante o incremento de contidos relacionados coa lingua e a cultura propias e reforzar a industria galega de produción de contidos.
Podedes consultar as bases completas da convocatoria premendo no apartado de "Axudas e subvencións" que aparece a man dereita do blog.

martes, 10 de junio de 2008

OBRADOIROS EN SALCEDA DE CASELAS DURANTE OS MESES DE VERÁN

Debido a grande acollida que están a ter os diversos obradoiros de alfabetización dixital que se están a realizar dende o pasado mes de marzo no Concello de Salceda de Caselas, durante os meses de xuño, xullo e setembro continuarase coa súa realización en horario de mañá.
Ofértanse gran variedade de obradoiros: Manexo de teclado e do rato, iniciación á informática, iniciación a word, manexo de internet, creación dunha conta de correo electrónico e iniciación a excel. A tónica xeral é que as persoas se anotan ao primeiro obradoiro e repiten ata completar todos os ofertados, polo que existe unha gran lista de espera.
Durante este mes comezarán novos obradoiros de iniciación a informática, iniciación a word e creación dunha conta de correo electrónico, polo que as persoas interesadas poden obter máis información na OMIX ou no enderezo leticia.salceda@dinamiza.sociedadedainformacion.eu.