miércoles, 8 de octubre de 2008

SUBVENCIÓNS PARA A ADQUISICIÓN DE ORDENADORES

Segundo información da páxina web da Rede de Dinamización da S.I, a Consellería de Innovación e Industria vén de convocar unha subvención para a adquisición de ordenadores.
Poderán solicitar e beneficiarse destas axudas os traballadores por conta propia de Galiza, dados de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos da Seguridade Social, con domicilio e alta fiscal no I.A.E. para a súa actividade económica en Galiza, agás os comerciantes retallistas, dado que existen liñas de axuda desta consellería específicas para ese colectivo e para os mesmos investimentos.
O investimento irá destinado á adquisición dun ordenador persoal portátil ou de sobremesa con sistema operativo LINUX e aplicativos en software libre: OpenOffice e Mozilla Firefox.
Non se considera subvencionábel a adquisición de licenzas de software adicionais á subministración básica do ordenador persoal, outros periféricos (por exemplo: impresoras, discos externos, etc), ou outro tipo de terminais (axendas electrónicas, tablet PC, teléfonos móbiles, etc). A axuda acadará o 45 % do investimento subvencionábel, cun límite máximo de 350 € para cada solicitante. O investimento subvencionábel determínase aplicando a porcentaxe de axuda sobre a base impoñíbel, excluíndo o IVE correspondente, que deberá ser achegado na súa totalidade polo beneficiario. As subvencións tramítanse directamente a través dos provedores de equipamento informático que solicitaron ser entidades colaboradoras da Consellería de Innovación e Industria para o desenvolvemento desta liña de axudas.
Os traballadores autónomos que queiran solicitar unha destas subvencións deberán presentar na propia entidade colaboradora a seguinte documentación:
a) Copia do DNI ou NIE, en vigor, no que deberá constar o enderezo dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Copia de documento de pago mensual á Seguridade Social do mes anterior á solicitude, do Réxime Especial de Traballadores Autónomos.
c) Identificación, por declaración do solicitante, do epígrafe do IAE e localidade da Comunidade Autónoma de Galicia na que se atopa dado de alta censual no IAE.
d) Exclusivamente para o caso de que o DNI ou NIE non acredite o domicilio dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá requirirse do solicitante a presentación de certificado expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria no que figure o domicilio fiscal do solicitante. A antigüidade máxima deste certificado será de 3 meses.
A concesión da subvención será inmediata no caso de que o solicitante cumpra con todos os requisitos para ser beneficiario, e o crédito total destinado a esta liña de axudas non estea esgotado.
As solicitudes de axuda poderanse presentar na entidades colaboradoras a partir do 9 de outubro de 2008 e durante o ano 2009, até esgotar o crédito total consignado pola Consellería de Innovación e Industria para este proxecto que son: 659.400 € no ano 2008 e 999.950 € no ano 2009. Esta axuda conta co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.
Podedes atopar máis información no telf: 981 545 583.
Para ver a orde do DOGA onde aparece a subvención pincha aquí

jueves, 18 de septiembre de 2008

ESGOTADAS AS PRAZAS PARA OS OBRADOIROS DE OUTUBRO EN SALCEDA DE CASELAS


No vindeiro mes de outubro realizaranse máis de oito obradoiros na nova aula que a Rede de Dinamización da Sociedade da Información montou no Concello de Salceda de Caselas.
Estes obradoiros van dirixidos á poboación en xeral, ás mulleres e á xuventude e a temática será variada: iniciación á informática, ao procesador de textos, a internet, manexo do teclado e do rato , suit ofimática e creación dunha conta de correo electrónico.
A día de hoxe tódalas prazas están cubertas, debido a grande demanda recibida durante os meses anteriores nos que só se contaba cunha aula a disposición parcial, polo que non se descarta ampliar a oferta no que resta de mes.
A aula tamén está a disposición da poboación para o seu uso libre e gratuito, sendo pechada nas horas de formación.
Calquera dúbida ou consulta será resposta no seguinte enderezo: leticia.salceda@dinamiza.sociedadedainformacion.eu

viernes, 5 de septiembre de 2008

AULA ABERTA E GRATUITA CON INTERNET


No Concello de Salceda de Caselas en colaboración coa Rede de Dinamización da Sociedade da
creouse un aula de ordenadores con aceso a Internet de uso libre e gratuíto para os usuarios e
usuarias que queiran realizar actividades ou conectarse a Internet.
A aula, situada nas dependencias do Concello e compartindo espacio coa OMIX, está composta
por nove computadores de sobremesa e un portátil con software libre, dúas impresoras, un
escáner, un proxector e unha cámara de fotos dixital.
O horario de atención durante o mes de setembro é de luns a venres de 08:30 a 15:30 e, mentres
non se realicen obradoiros, a aula estará tamén aberta para os usuarios e usuarias que desexen
utilizala (consultando semanalmente á dinamizadora encargada do aula as datas de uso libre).
Para calquera consulta, pódese chamar ao número de teléfono 986349003 ou escribir un email a
leticia.salceda@dinamiza.sociedadedainformacion.eu.

jueves, 31 de julio de 2008

PECHE POR VACACIÓNS

Hoxe comezarei a miñas merecidas vacacións. Ata o vindeiro día 4 de setembro, Salceda de Caselas quedarase sen dinamizadora da sociedade da información.
Pero, non todo é malo, a boa nova é que a partires desa data o Concello contará cunha nova aula de informática sita nas instalacións da OMIX.
Espérovos a partires dese día!!!

viernes, 18 de julio de 2008

INICIO DAS OBRAS PARA A CREACIÓN DUNHA NOVA AULA DE INFORMÁTICA

Esta semana está a ser clave para o bo desenvolvemento das accións levadas a cabo a través da Rede de Dinamización da Sociedade da información en Salceda de Caselas. Dende hai tres días as rapazas da Escola Obradoiro que está a restaurar o antigo Concello, levan traballando na aula provisional de informática que estará ubicada na Omix.
A día de hoxe xa están colocadas as mesas para dispor nelas dez ordenadores e a mampara que separará a aula da zona de atención ao público.
Nas vindeiras semanas espero poder comunicar que xa temos un aula aberta no centro da vila para o uso e disfrute dos salcedenses, á vez que será empregada para a realización dos distintos obradoiros de alfabetización dixital que ata o de agora se estaban a levar a cabo no Torrón.

miércoles, 2 de julio de 2008

FESTEXOS

Non todo é traballar, algúns obradoiros van tocando o seu fin e tamén hai que festexalo. Como vos galegos que somos os participantes dalgúns obradoiros e máis eu saímos a tomar uns pinchiños e, como non, a ourella e o polvo non faltou.
Segue sendo un pracer ver como a xente de Salceda de Caselas vai adquirindo mellores mañas ante os ordenadores e pasiño a pasiño comezan a perderlle o medo.
Actualmente seguen activos os obradoiros de folla de cálculo e de iniciación ao procesador de textos, aínda que seguimos anotando ás persoas interesadas para novos obradoiros. Como sempre, animarvos a pasar pola OMIX e a falar coa dinamizadora para informarvos.

martes, 17 de junio de 2008

AXUDAS PARA A CREACIÓN DE CONTIDOS INTERACTIVOS EN GALEGO

Na páxina da Rede de Dinamización atopamos información sobres estas axudas. Segundo a convocatoria enténdense por contidos dixitais interactivos as producións constituídas por un conxunto de informacións representadas en múltiples soportes expresivos (texto, son, imaxe estática ou en movemento e codificadas dixitalmente). Non se admitirán proxectos que non sexan en rede agás para os videoxogos, nin se admitirán obras de consulta, ferramentas e servizos de software, proxectos institucionais ou web corporativas, traducións de produtos existentes ou contidos meramente informativos. O prazo de presentación das solicitudes para acollerse ás axudas remata o 12 de xullo.
As axudas buscan impulsar o uso da Sociedade da Información entre a cidadanía galega, favorecer o acceso da cidadanía mediante o incremento de contidos relacionados coa lingua e a cultura propias e reforzar a industria galega de produción de contidos.
Podedes consultar as bases completas da convocatoria premendo no apartado de "Axudas e subvencións" que aparece a man dereita do blog.

martes, 10 de junio de 2008

OBRADOIROS EN SALCEDA DE CASELAS DURANTE OS MESES DE VERÁN

Debido a grande acollida que están a ter os diversos obradoiros de alfabetización dixital que se están a realizar dende o pasado mes de marzo no Concello de Salceda de Caselas, durante os meses de xuño, xullo e setembro continuarase coa súa realización en horario de mañá.
Ofértanse gran variedade de obradoiros: Manexo de teclado e do rato, iniciación á informática, iniciación a word, manexo de internet, creación dunha conta de correo electrónico e iniciación a excel. A tónica xeral é que as persoas se anotan ao primeiro obradoiro e repiten ata completar todos os ofertados, polo que existe unha gran lista de espera.
Durante este mes comezarán novos obradoiros de iniciación a informática, iniciación a word e creación dunha conta de correo electrónico, polo que as persoas interesadas poden obter máis información na OMIX ou no enderezo leticia.salceda@dinamiza.sociedadedainformacion.eu.

jueves, 29 de mayo de 2008

GAÑADORES/AS DO SORTEO DA INICIATIVA "POESÍA NO MÓBIL"

A iniciativa “Poesía no móbil”, desenvolvida pola Rede de Dinamización da Sociedade da Información coa colaboración da Biblioteca Municipal de Salceda de Caselas, para celebrar as festividades do 17 de maio, chegou ao seu fin.
O pasado 26 de maio ás 18:30 horas celebrouse un sorteo público entre as 22 poesías participantes de 10 lotes de agasallos compostos por distintos obxectos (pendrives, camisetas, porta cds, libros, CDs, alfombrillas para ratos, etc).
As dez persoas afortunadas foron as seguintes:
  1. Francisco Javier Rey González.
  2. Aarón Mariño Domínguez.
  3. Gabino González Lourenço.
  4. Miguel Ángel do Reis Pérez.
  5. Hugo Fernández Oliveira.
  6. Adrián Mariño Domínguez.
  7. Ayla Barros Boente.
  8. Zaida González Bargiela.
  9. Uxía Barros Boente.
  10. Sara Caballero González.

Gustariame felicitar a todas a persoas que se atopan entre as dez premiadas e dalas grazas ás demais polas súas aportacións tan inxeniosas e creativas.

jueves, 15 de mayo de 2008

CURSO DE CONSTRUCIÓN DE PÁXINAS WEB

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información en colaboración co Concello do Porriño e o Concello de Salceda de Caselas e mancomun.org (Centro de Referencia e Servizos de Software Libre) pon en marcha un novo curso de construción de páxinas web co programa libre Nvu.
O curso desenvolverase desde o próximo 2 de xuño até o 27 do mesmo mes, de luns a venres en horario de tarde (19:00 a 21:00) no Centro Neural do Porriño.
Con esta nova convocatoria formativa preténdese achegar ao emprego desta ferramenta libre, coma alternativa viábel ao uso de software privativo.

viernes, 9 de mayo de 2008

EN SALCEDA DE CASELAS: POESÍA NO MÓBIL

Poesía no móbil xurde no Concello de Salceda de Caselas en colaboración coa Rede de Dinamización da Sociedade da Información para celebrar as festividades do 17 de maio.
Co fin de potenciar o uso do galego nas novas tecnoloxías da información e comunicación e para rendir unha homenaxe á figura do escritor Xosé Mª Álvarez Blázquez, xurde esta iniciativa que consiste en adaptar un poema do escritor homenaxeado este ano a unha mensaxe de texto do móbil.
A participación está aberta a toda a poboación do Concello de Salceda de Caselas. As persoas interesadas poderán recoller a folla de participación na OMIX, na Biblioteca Municipal ou ben descargala dende aquí.
O prazo límite para a entrega dos poemas adaptados a SMS remata o día 23 de maio. O día 26 do mesmo mes ás 18:30 horas sortearanse na Biblioteca Municipal 10 agasallos entre todas aquelas persoas participantes.

lunes, 5 de mayo de 2008

COLABORA E REALIZA MICROTAREAS PARA ONG EN INTERNET

Segundo se informa en voluntariadogalego.org, a Fundación Bip-Bip acaba de por en marcha a web www.microvoluntarios.org a través da cal ONG poden atopar apoio para a realización de pequenas tarefas que se executen nun tempo limitado.
Non se trata de voluntariado en sentido estrito, senón de facer colaboracións puntuais que normalmente se resolven a través de Internet: rastrexo ou difución de información, traducións, elaboración de dípticos, etc. Este sistema permite que os voluntarios adapten o seu tempo da mellor forma posible e se adxudiquen eles mesmos/as as microtareas que mellor se adapten ao seu perfil.

jueves, 24 de abril de 2008

CONCURSO DE FOTOGRAFÍA COMENTADA: INSPÍRATE CO GALEGO EN TEO

A miña compañeira Marta, que está a traballar como dinamizadora no Concello de Teo, acaba de propor para o Día 17 de maio unha iniciativa que me parece interesante e sinxela para participar, por iso a comento. Consiste en facer unha fotografía dixital, dalgún lugar do Concello de Teo e ilustrala cun pequeno texto escrito en galego, que pode estar en verso ou en prosa e que non pode superar as 50 palabras.
A foto e o texto débense enviar ao seguinte enderezo de correo electrónico: concursoteo@gmail.com tendo como data límite o 23 de maio para entrar no sorteo dos premios.
Todas as fotos participantes formarán parte dun fotoblog na rede, no cal quedarán expostas a modo de galería para desfrute dos teenses e resto do mundo.
Así que, por se vos animades, deixo aquí o enlace onde se poden ver as bases. Espero que Marta ande moi atarefada estes días coa alta acollida que terá a iniciativa. Desexarlle moita sorte.

miércoles, 16 de abril de 2008

GAÑADORES DO CONCURSO DE RELATOS "IGUALDADE NA REDE"

Onte o xurado do Concurso de Relatos "Igualdade na Rede" que estivemos a celebrar de forma conxunta os dinamizadores de Salceda de Caselas (Leticia, ou sexa, eu), O Porriño (Miguel) e Ponteareas (Andrea) emitiu o fallo resultante dos relatos gañadores.

Os relatos premiados por categoría son os seguintes:

Categoría adultos:
1º Premio: Mans de Redeira.
2º Premio: Rosalía "A Maquila".
3º Premio: Un trono de diamante.

Categoría maiores:
1º Premio: Maruxa Mallo.
2º Premio: "A Pisca".

Categoría infantil:
1º Premio: María Antonia, Pereira do Campo (A Monxiña do Penedo).

Podedes ler os relatos participantes no concurso, así como ver o fallo do xurado, no blog creado para tal fin
http://igualdadenarede.blogspot.com/.
Dada a boa acollida da iniciativa, espero poder voltar a informarvos sobre próximas edicións o vindeiro ano.

viernes, 4 de abril de 2008

OBRADOIROS EN SALCEDA DE CASELAS

Dende o pasado mes de febreiro estamos a realizar diversos obradoiros de dinamización tecnolóxica no Torrón grazas a que a Rede de Dinamización da Sociedade da Información ten asinado co Concello de Salceda de Caselas un convenio para que este conte cunha dinamizadora, ou sexa, comigo. Comezamos con dúas quendas en horario de tarde, pero o luns comezamos coa quenda que tiñamos pendente pola mañá (11:00-12:30).
Aínda que polo de agora as prazas dos obradoiros que están en activo están completas, a continuación escribo a relación dos obradoiros que estamos a realizar por se alguén máis se anima e se ven a anotar pola OMIX para os vindeiros grupos.
- Manexo do teclado e do rato: Iniciacion á mecanografía.
- Iniciación á informática.
- Iniciación a Word (I).
- Manexo de Word (II).
- Iniciación a Internet.
- Correo electrónico e mensaxería instantánea.
- Iniciación a Excel.

En principio estes obradoiros están dirixidos a toda a poboación maior de idade con independencia da súa situación laboral. Ao igual que os obradoiros celebrados o pasado ano, estas actividades son totalmente gratuitas.

viernes, 28 de marzo de 2008

AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DUN ORDENADOR

O día 10 de marzo saíron publicadas no Diaro Oficial de Galicia as axudas a alumnos e alumnas de niveis non universitarios para a adquisición dun ordenador persoal.
O prazo remata o día 10 de abril, polo que todos aqueles que queirades optar a axuda de 300€ debedes ter enviada toda a documentación antes desa data.
Atoparedes máis información no seguinte enlace: https://www.edu.xunta.es/axudasord/ ou ben dirixíndovos á OMIX do Concello de Salceda de Caselas e falando coa Dinamizadora da Sociedade da Información.

martes, 18 de marzo de 2008

CURSO DE PROCESADOR DE TEXTOS

A Rede de Dinamización e os concellos do Porriño e de Salceda de Caselas, en colaboración con Mancomun.org, acollerán o curso de Procesador de Textos que será impartido no Centro Neural do Centro Multiusos de Torneiros do Porriño en horario de 19:00 a 21:00 horas entre os días 24 de marzo e o 8 de abril.
O obxectivo que se pretende acadar con este curso de introducción á sociedade da información é que as persoas asistentes coñezan a funcionalidade dun procesador de textos de código aberto. Neste caso estamos a falar do OppenOffice Writter. Farase especial fincapé no emprego do Software Libre como unha alternativa válida e eficaz ao software privativo.

Se queredes recibir máis información sobre este curso ou sobre outros de formación específica que estamos a organizar non esquezades que estou a vosa disposición na OMIX do Concello de Salceda de Caselas ou ben no enderezo leticia.salceda@dinamiza.sociedadedainformacion.eu.

lunes, 10 de marzo de 2008

"IGUALDADE NA REDE: CONCURSO DE RELATOS"

Os concellos do Porriño, Ponteareas e Salceda de Caselas en colaboración coa Rede de Dinamización da Sociedade da información están a desenvolver un concurso de relatos na rede co gallo do Día Internacional da Muller Traballadora que se celebra o 8 de marzo.

A iniciativa ten como obxectivo permitir que os cidadáns poidan crear un relato que verse sobre a vida dunha “Muller Traballadora” e realizar, deste xeito, unha pequena homenaxe individual a cada muller á que se lle adique o relato e unha homenaxe grupal, ao conmemorar a todas as mulleres que durante anos foron, son e serán “Mulleres Traballadoras”.

O concurso estará dividido en tres categorías: infantil (de 0 até 14 anos), adultos (de 15 até 59 anos) e maiores (mais de 60 anos) .
O texto deberá estar escrito en galego e non debe ter unha extensión de mais de 45 liñas, en letra Times New Roman, tamaño 12. Os relatos deben ser orixinais e non ter sido presentados con anterioridade. Admitiranse relatos até o día 31 de marzo. As obras que non cumpran estas normas quedarán fóra de concurso.

Os relatos enviaranse ou ben ao seguinte correo electrónico:
leticia.salceda@dinamiza.sociedadedainformacion.eu debendo aparecer os datos persoais do autor (nome, teléfono, enderezo, correo electrónico). Achégarase o relato cun título e asinado cun pseudónimo. Ou ben podedes levar o texto orixinal até a OMIX, Praza do Concello s/n.
Tódolos relatos e o fallo do xurado será publicado no blog http://igualdadenarede.blogspot.com/.

miércoles, 27 de febrero de 2008

DOAZÓN DE MATERIAL INFORMÁTICO A ENTIDADES SOCIAIS A TRAVÉS DO PROXECTO GRUVI

A Universidade de Vigo acaba de publicar a súa 3º convocacatoria de Doazón de Material Informático xestionada a través do proxecto Gruvi (Grupo de Reciclaxe Informática da UVigo). Os requisitos principais para poder optar á convocatoria é a de ser unha entidade non lucrativa, estar legalemente constituída e ter a residencia nas provincias de Ourense ou Pontevedra.

Este proxecto xurdiu como resposta á acumulación de residuos informáticos da Universidade de Vigo, aproveitables en moitos casos. Tirar ordenadores e outros compoñentes, á parte de supoñer un problema ecolóxico, é tamén unha grande inxustiza social, xa que diferentes colectivos están ás portas de perder o "tren tecnolóxico" e vense afastados da sociedade da información, provocando unha situación que se coñece como fenda dixital.

O prazo de solicitudes remata o venres 14 de marzo de 2008. Máis inforamción na web: http://webs.uvigo.es/gruvi/ .

viernes, 22 de febrero de 2008

COMEZO DE OBRADOIROS EN SALCEDA DE CASELAS

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información en colaboración co Concello de Salceda de Caselas ten programado comezar o vindeiro martes día 27 os primeiros obradoiros de “Manexo do Teclado e o Rato: Iniciación á Mecanografía” de 6 horas de duración, que se desenvolverán no CDL e Telecentro o Torrón en horario de 19:30 a 21:00.

Debido a gran acollida deste obradoiro, que conta xa con máis de 60 inscricións, iranse organizando varias quendas para que toda a poboación interesada poida ter acceso a esta formación.

Con esta actividade preténdese promover a alfabetización dixital, a adquisición de habilidades básicas para o manexo do teclado e do rato e asentar as bases para o fomento da participación da poboación en novas iniciativas.

lunes, 4 de febrero de 2008

CURSIÑOS DE INICIACIÓN IMPARTIDOS POR GALPON

Froito da colaboración con Caixanova, GALPon ofrecerá cursos de Software Libre no centro social que ten a entidade bancaria de CAIXANOVA en Vigo. Os cursos serán eminentemente prácticos, dirixidos a calquera persoa sen coñecementos previos de GNU/Linux ou Software Libre.
  • Dous cursiños de igual contido (un repetición do outro)
    • "Introducción a GNU/Linux"
      Semana do 11 ó 15 de febreiro
      Semana do 10 ó 14 de marzo
    • "Iniciación a OpenOffice"
      Semana do 25 ó 29 de febreiro
      Semana do 31 de marzo ó 4 de abril
  • Horario Luns a venres de 20:00h a 22:00h
  • Duración de cada clase: 2 horas
  • Duración total de cada cursiño: 10 horas
  • Lugar: Centro Social Caixanova en Vigo

martes, 29 de enero de 2008

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA NOVOS OBRADOIROS EN SALCEDA DE CASELAS

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información en colaboración co Concello de Salceda de Caselas abre o prazo de inscrición para novos obradoiros.
Dende hoxe todas aquelas persoas interesadas poden anotarse aos seguintes obradoiros que se desenvolverán a partires do día 19 de febreiro no CDL e Telecentro o Torrón:
1. Manexo do teclado e o rato: Iniciación á mecanografía.
2. Iniciación á informática.
3. Iniciación a Word.
4. Manexo de Word.
5. Iniciación a Internet.
6. Correo electrónico e mensaxería instantánea.
7. Iniciación a Excel.
Toda a información referente á realización destes obradoiros pódese atopar na OMIX, no Telf: 986 34 90 03 ou ven enviando un correo electrónico ao seguinte enderezo:
leticia.salceda@dinamiza.sociedadedainformacion.eu

jueves, 24 de enero de 2008

SEMINARIOS (NI+NI-) IGUALDADE DE XÉNERO NA SOCIEDADE DA INFORMACIÓN

NI MÁS NI MENOS é un proxecto promovido por AGESTIC, en colaboración con FEAGA, e enmarcado no PLAN AVANZA do Ministerio de Industria.
Realizaranse seminarios en A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo e teñen por obxeto traballar pola igualdade de xénero na Sociedade da Información.
As datas dos seminarios por sectores son as seguintes:
- LUGO 28 de xaneiro: Sector primario. Cooperativas agrarias, adegas, turismo rural, etc.
- A CORUÑA 2 de febreiro: Sector comercio e servizos.
- OURENSE 21 de febreiro: Mulleres profesionais. Profesións liberais: economistas, xestoras administrativas, graduadas sociais, licenciadas en dereito, etc.
- VIGO 6 de marzo: Sector industria. Talleres, montaxes industriais, construción, etc.
Atoparedes máis información pinchando aquí.

miércoles, 16 de enero de 2008

CONSEGUE O TEU DOMINIO GRATIS .ES

Se tes menos de 30 anos non deixes pasar esta oportunidade do Goberno e solicita o teu dominio .es. O programa "Jóvenes en red" ofrece o seu rexistro gratuito a lo menos durante o primeiro ano.
Despois de comprobar a disponibilidade do dominio que desexedes, soamente hai que realizar unha solicitude. Con esta iniciativa preténdese que os mozos Internautas establezan e desenvolvan a súa presenza persoal e social en Internet.
Podedes cubrir a folla de rexistro e acceder a máis información pinchando na imaxe.

viernes, 11 de enero de 2008

SUBVENCIÓNS AOS INVESTIMENTOS DAS EMPRESAS EN MATERIA DAS TECNOLOXÍAS DA INFORMACIÓN E AS COMUNICACIÓNS

Se ollades o DOG de hoxe atoparédevos con que saíron publicadas as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das Subvencións aos investimentos das empresas en materia das tecnoloxías da información e as comunicacións, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.
Entre os gastos subvencionables inclúense cuestións como as aplicacións informáticas nas empresas para a Sociedade da Información e o apoio ao desenvolvemento do sector TIC.
Non esquezades que o prazo para a entrega de solicitudes remata o día 15 de febreiro.

jueves, 10 de enero de 2008

PRESENTACIÓN DE AXUDAS PARA AS EMPRESAS GALEGAS

Segundo aparece publicado hoxe no Observatorio Galego da S.I, o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, presentou onte as axudas a empresas previstas para este ano, en materia da Sociedade da Información, cun importe total de 5 millóns de euros, un 66,6% máis de orzamento que no exercicio anterior.
Este conxunto de medidas, que forman parte do Plano Estratéxico da Sociedade da Información, teñen o obxectivo de estender o uso das TIC nas empresas para contribuír ao desenvolvemento do sector galego da Sociedade da Información, contribuíndo á mellora de competitividade das nosas empresas, en especial das pemes. As axudas irán destinadas as seguintes accións:
- Infraestrutura Interna das empresas para a S.I.
- Aplicacións informáticas nas empresas para a S.I.
- Apoio ao desenvolvemento dos sector das TIC.
- Formación técnica e promoción do sector das TIC.

Na medida na que se vaian publicando estas axudas obteredes neste blog tódala información precisa para poder coñecer calquera dato de interese sobre elas, así como o procedemento e as datas límite para poder solicitalas se son do voso interese.

miércoles, 9 de enero de 2008

XORNADAS CONTRA-MEIOS EN VIGO

Esta fin de semana celébranse en Vigo as xornadas contra-meios en prol da cultura e a tecnoloxía ceibes.
Segundo informa Código Cero, estas xornadas están organizadas por Indymedia Galiza coa colaboración dos Centros Sociais A Revolta e A Cova dos Ratos, Olholivre e Trebelab.
O programa do evento vai encamiñado a descubrir e divulgar alternativas reais ós sistemas e redes pechadas de desenvolvemento artístico-tecnolóxico.
Podedes ver o bosquexo das actividades programadas para os días 11, 12 e 13 deste mes pinchando aquí.

lunes, 7 de enero de 2008

NOVA ETAPA DE DINAMIZACIÓN TECNOLÓXICA

Dende hoxe o servizo da Rede de Dinamización da Sociedade da Información está de novo operativa no Concello de Salceda de Caselas, polo que a partires de hoxe voltarei a ofrecervos información sobre as actividades, obradoiros, subvencións, cursos e axudas relacionadas coas novas tecnoloxías que vaian xurdindo.
Podedes contactar coa Dinamizadora a través das seguintes canles:
- OMIX: Praza do Concello, s/n. Telf: 986 34 90 03.
- Correo electrónico: leticia.salceda@dinamiza.sociedadedainformacion.eu
- HORARIO:
* Luns, mércores e venres: 11:00-15:00h / 16:00-21:00h.
* Martes e xoves: 16:00-21:15h.