jueves, 24 de abril de 2008

CONCURSO DE FOTOGRAFÍA COMENTADA: INSPÍRATE CO GALEGO EN TEO

A miña compañeira Marta, que está a traballar como dinamizadora no Concello de Teo, acaba de propor para o Día 17 de maio unha iniciativa que me parece interesante e sinxela para participar, por iso a comento. Consiste en facer unha fotografía dixital, dalgún lugar do Concello de Teo e ilustrala cun pequeno texto escrito en galego, que pode estar en verso ou en prosa e que non pode superar as 50 palabras.
A foto e o texto débense enviar ao seguinte enderezo de correo electrónico: concursoteo@gmail.com tendo como data límite o 23 de maio para entrar no sorteo dos premios.
Todas as fotos participantes formarán parte dun fotoblog na rede, no cal quedarán expostas a modo de galería para desfrute dos teenses e resto do mundo.
Así que, por se vos animades, deixo aquí o enlace onde se poden ver as bases. Espero que Marta ande moi atarefada estes días coa alta acollida que terá a iniciativa. Desexarlle moita sorte.

miércoles, 16 de abril de 2008

GAÑADORES DO CONCURSO DE RELATOS "IGUALDADE NA REDE"

Onte o xurado do Concurso de Relatos "Igualdade na Rede" que estivemos a celebrar de forma conxunta os dinamizadores de Salceda de Caselas (Leticia, ou sexa, eu), O Porriño (Miguel) e Ponteareas (Andrea) emitiu o fallo resultante dos relatos gañadores.

Os relatos premiados por categoría son os seguintes:

Categoría adultos:
1º Premio: Mans de Redeira.
2º Premio: Rosalía "A Maquila".
3º Premio: Un trono de diamante.

Categoría maiores:
1º Premio: Maruxa Mallo.
2º Premio: "A Pisca".

Categoría infantil:
1º Premio: María Antonia, Pereira do Campo (A Monxiña do Penedo).

Podedes ler os relatos participantes no concurso, así como ver o fallo do xurado, no blog creado para tal fin
http://igualdadenarede.blogspot.com/.
Dada a boa acollida da iniciativa, espero poder voltar a informarvos sobre próximas edicións o vindeiro ano.

viernes, 4 de abril de 2008

OBRADOIROS EN SALCEDA DE CASELAS

Dende o pasado mes de febreiro estamos a realizar diversos obradoiros de dinamización tecnolóxica no Torrón grazas a que a Rede de Dinamización da Sociedade da Información ten asinado co Concello de Salceda de Caselas un convenio para que este conte cunha dinamizadora, ou sexa, comigo. Comezamos con dúas quendas en horario de tarde, pero o luns comezamos coa quenda que tiñamos pendente pola mañá (11:00-12:30).
Aínda que polo de agora as prazas dos obradoiros que están en activo están completas, a continuación escribo a relación dos obradoiros que estamos a realizar por se alguén máis se anima e se ven a anotar pola OMIX para os vindeiros grupos.
- Manexo do teclado e do rato: Iniciacion á mecanografía.
- Iniciación á informática.
- Iniciación a Word (I).
- Manexo de Word (II).
- Iniciación a Internet.
- Correo electrónico e mensaxería instantánea.
- Iniciación a Excel.

En principio estes obradoiros están dirixidos a toda a poboación maior de idade con independencia da súa situación laboral. Ao igual que os obradoiros celebrados o pasado ano, estas actividades son totalmente gratuitas.

viernes, 28 de marzo de 2008

AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DUN ORDENADOR

O día 10 de marzo saíron publicadas no Diaro Oficial de Galicia as axudas a alumnos e alumnas de niveis non universitarios para a adquisición dun ordenador persoal.
O prazo remata o día 10 de abril, polo que todos aqueles que queirades optar a axuda de 300€ debedes ter enviada toda a documentación antes desa data.
Atoparedes máis información no seguinte enlace: https://www.edu.xunta.es/axudasord/ ou ben dirixíndovos á OMIX do Concello de Salceda de Caselas e falando coa Dinamizadora da Sociedade da Información.

martes, 18 de marzo de 2008

CURSO DE PROCESADOR DE TEXTOS

A Rede de Dinamización e os concellos do Porriño e de Salceda de Caselas, en colaboración con Mancomun.org, acollerán o curso de Procesador de Textos que será impartido no Centro Neural do Centro Multiusos de Torneiros do Porriño en horario de 19:00 a 21:00 horas entre os días 24 de marzo e o 8 de abril.
O obxectivo que se pretende acadar con este curso de introducción á sociedade da información é que as persoas asistentes coñezan a funcionalidade dun procesador de textos de código aberto. Neste caso estamos a falar do OppenOffice Writter. Farase especial fincapé no emprego do Software Libre como unha alternativa válida e eficaz ao software privativo.

Se queredes recibir máis información sobre este curso ou sobre outros de formación específica que estamos a organizar non esquezades que estou a vosa disposición na OMIX do Concello de Salceda de Caselas ou ben no enderezo leticia.salceda@dinamiza.sociedadedainformacion.eu.

lunes, 10 de marzo de 2008

"IGUALDADE NA REDE: CONCURSO DE RELATOS"

Os concellos do Porriño, Ponteareas e Salceda de Caselas en colaboración coa Rede de Dinamización da Sociedade da información están a desenvolver un concurso de relatos na rede co gallo do Día Internacional da Muller Traballadora que se celebra o 8 de marzo.

A iniciativa ten como obxectivo permitir que os cidadáns poidan crear un relato que verse sobre a vida dunha “Muller Traballadora” e realizar, deste xeito, unha pequena homenaxe individual a cada muller á que se lle adique o relato e unha homenaxe grupal, ao conmemorar a todas as mulleres que durante anos foron, son e serán “Mulleres Traballadoras”.

O concurso estará dividido en tres categorías: infantil (de 0 até 14 anos), adultos (de 15 até 59 anos) e maiores (mais de 60 anos) .
O texto deberá estar escrito en galego e non debe ter unha extensión de mais de 45 liñas, en letra Times New Roman, tamaño 12. Os relatos deben ser orixinais e non ter sido presentados con anterioridade. Admitiranse relatos até o día 31 de marzo. As obras que non cumpran estas normas quedarán fóra de concurso.

Os relatos enviaranse ou ben ao seguinte correo electrónico:
leticia.salceda@dinamiza.sociedadedainformacion.eu debendo aparecer os datos persoais do autor (nome, teléfono, enderezo, correo electrónico). Achégarase o relato cun título e asinado cun pseudónimo. Ou ben podedes levar o texto orixinal até a OMIX, Praza do Concello s/n.
Tódolos relatos e o fallo do xurado será publicado no blog http://igualdadenarede.blogspot.com/.

miércoles, 27 de febrero de 2008

DOAZÓN DE MATERIAL INFORMÁTICO A ENTIDADES SOCIAIS A TRAVÉS DO PROXECTO GRUVI

A Universidade de Vigo acaba de publicar a súa 3º convocacatoria de Doazón de Material Informático xestionada a través do proxecto Gruvi (Grupo de Reciclaxe Informática da UVigo). Os requisitos principais para poder optar á convocatoria é a de ser unha entidade non lucrativa, estar legalemente constituída e ter a residencia nas provincias de Ourense ou Pontevedra.

Este proxecto xurdiu como resposta á acumulación de residuos informáticos da Universidade de Vigo, aproveitables en moitos casos. Tirar ordenadores e outros compoñentes, á parte de supoñer un problema ecolóxico, é tamén unha grande inxustiza social, xa que diferentes colectivos están ás portas de perder o "tren tecnolóxico" e vense afastados da sociedade da información, provocando unha situación que se coñece como fenda dixital.

O prazo de solicitudes remata o venres 14 de marzo de 2008. Máis inforamción na web: http://webs.uvigo.es/gruvi/ .