jueves, 24 de abril de 2008

CONCURSO DE FOTOGRAFÍA COMENTADA: INSPÍRATE CO GALEGO EN TEO

A miña compañeira Marta, que está a traballar como dinamizadora no Concello de Teo, acaba de propor para o Día 17 de maio unha iniciativa que me parece interesante e sinxela para participar, por iso a comento. Consiste en facer unha fotografía dixital, dalgún lugar do Concello de Teo e ilustrala cun pequeno texto escrito en galego, que pode estar en verso ou en prosa e que non pode superar as 50 palabras.
A foto e o texto débense enviar ao seguinte enderezo de correo electrónico: concursoteo@gmail.com tendo como data límite o 23 de maio para entrar no sorteo dos premios.
Todas as fotos participantes formarán parte dun fotoblog na rede, no cal quedarán expostas a modo de galería para desfrute dos teenses e resto do mundo.
Así que, por se vos animades, deixo aquí o enlace onde se poden ver as bases. Espero que Marta ande moi atarefada estes días coa alta acollida que terá a iniciativa. Desexarlle moita sorte.

miércoles, 16 de abril de 2008

GAÑADORES DO CONCURSO DE RELATOS "IGUALDADE NA REDE"

Onte o xurado do Concurso de Relatos "Igualdade na Rede" que estivemos a celebrar de forma conxunta os dinamizadores de Salceda de Caselas (Leticia, ou sexa, eu), O Porriño (Miguel) e Ponteareas (Andrea) emitiu o fallo resultante dos relatos gañadores.

Os relatos premiados por categoría son os seguintes:

Categoría adultos:
1º Premio: Mans de Redeira.
2º Premio: Rosalía "A Maquila".
3º Premio: Un trono de diamante.

Categoría maiores:
1º Premio: Maruxa Mallo.
2º Premio: "A Pisca".

Categoría infantil:
1º Premio: María Antonia, Pereira do Campo (A Monxiña do Penedo).

Podedes ler os relatos participantes no concurso, así como ver o fallo do xurado, no blog creado para tal fin
http://igualdadenarede.blogspot.com/.
Dada a boa acollida da iniciativa, espero poder voltar a informarvos sobre próximas edicións o vindeiro ano.

viernes, 4 de abril de 2008

OBRADOIROS EN SALCEDA DE CASELAS

Dende o pasado mes de febreiro estamos a realizar diversos obradoiros de dinamización tecnolóxica no Torrón grazas a que a Rede de Dinamización da Sociedade da Información ten asinado co Concello de Salceda de Caselas un convenio para que este conte cunha dinamizadora, ou sexa, comigo. Comezamos con dúas quendas en horario de tarde, pero o luns comezamos coa quenda que tiñamos pendente pola mañá (11:00-12:30).
Aínda que polo de agora as prazas dos obradoiros que están en activo están completas, a continuación escribo a relación dos obradoiros que estamos a realizar por se alguén máis se anima e se ven a anotar pola OMIX para os vindeiros grupos.
- Manexo do teclado e do rato: Iniciacion á mecanografía.
- Iniciación á informática.
- Iniciación a Word (I).
- Manexo de Word (II).
- Iniciación a Internet.
- Correo electrónico e mensaxería instantánea.
- Iniciación a Excel.

En principio estes obradoiros están dirixidos a toda a poboación maior de idade con independencia da súa situación laboral. Ao igual que os obradoiros celebrados o pasado ano, estas actividades son totalmente gratuitas.