viernes, 28 de septiembre de 2007

viernes, 21 de septiembre de 2007

IV CIBERENCONTRO CONCELLO DE MUGARDOS - KERNEL

Dende hoxe, venres, ata o vindeiro domingo día 23 de setembro, na Casa da Cultura de Mugardos celébrase o IV Ciberencontro Concello de Mugardos-Kernel.
O evento terá relatorios de GNU/Linux, xogos, conferencias, lanzamento de hardware, churrascada, etc... Polo que aqueles que visitides a comarca do Ferrol durante estes días non desaproveitedes a oportunidade de dinamizarvos tecnolóxicamente neste Ciberencontro!!

martes, 11 de septiembre de 2007

XORNADAS DE SOFTWARE CEIBE NA USC
Os días 20 e 21 de setembro celebraranse en Santiago de Compostela, segundo información do Observatorio TIC, unhas Xornadas de Sofware Ceibe.
Estas xornadas naceron como un evento de referencia para a intercolaboración dos LUGs galegos, co obxectivo de intercambiar experiencias, presentar relatorios e obradoiros referentes ao Software Ceibe. Este ano, igual que o anterior, a temática principal versará sobre redes en GNU/Linux e outros sistemas Ceibes.
Podedes acceder a máis información pinchando aquí.

miércoles, 5 de septiembre de 2007

CURSO DE CREACIÓN E XESTIÓN DE BASES DE DATOS

O Concello do Porriño e o de Salceda de Caselas celebraremos conxuntamente dende o día 10 de setembro ata o 26 do mesmo mes en Colaboración coa Rede de Dinamización da Sociedade da Información un curso de formación específica sobre a Creación e Xestión de Bases de Datos, cunha duración total de 40 horas.
O curso será impartido en colaboración con Mancomun.org e celebrarase no Centro Neural do Centro Multiusos de Torneiros do Porriño en horario de 20:00 a 23:00 horas entre os días 10 e 26 deste mes.
O obxectivo que se pretende acadar é que as persoas asistentes adquiran coñecementos de nivel avanzado na creación e xestión de Bases de Datos co OppenOffice.org Base. Como ven a ser habitual dentro da Rede de Dinamización Tecnolóxica, farase especial fincapé no emprego do Software Libre como unha alternativa válida e eficaz ao software privativo.

lunes, 3 de septiembre de 2007

ENCONTRO INFORMÁTICO: GALAECIA.NET
Segundo informa a Estratexia Galega da Sociedade da Información, do 14 ao 16 de setembro organízase en Vilagarcía de Arousa a segunda edición da Galaecia.net . Baixo a coordinación da Asociación Sil e o Concello de Vilagarcía este ano a 'party' inclúe por vez primeira obradoiros de formación, especialmente adicados ao software libre.
En Galaecia.net podedes atopar tódala información referente aos obxectivos que se pretenden acadar, á programación e á forma de participar.
Cabe salientar que a participación e totalmente gratuíta, así que paga a pena achegarse ata Vilagarcía de Arousa para adquirir novos coñecemento e divertirse!!

lunes, 27 de agosto de 2007

DERRADEIRO OBRADOIRO INFANTIL

Despois de adicarlle todo o verán á realización de obradoiros de Dinamización Tecnolóxica para nenos e nenas do concello de Salceda de Caselas, podo dicir que o venres rematou o último obradoiro infantil da tempada estival.
Durante esta última semana os rapaces e rapazas de Salceda (Ayla, Noel, Edgar, Lara, José, Almu e Cris) estiveron aprendendo a empregar a mensaxería instantánea, participaron no seu propio blog (http://internetnotorron.blogspot.com/) e, como non, xogaron aos seus xogos preferidos.
En vindeiros días irei publicando máis novas sobre os seguintes cursos ou obradoiros a realizar. Iso si, esta vez irán destinados aos adultos.

lunes, 20 de agosto de 2007

CONCESIÓN DE AXUDAS PARA ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO

O pasado mes de marzo varias entidades sen ánimo de lucro do Concello de Salceda de Caselas solicitaron unha axuda da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual para a adquisición de equipamento audiovisual e multimedia e para a creación de medios de información electrónica; pois ben, hoxe saío no DOGA a resolución e compráceme anunciar que son varias as asociacións deste concello que sairán beneficiadas con esta axuda.
Foi unha tarefa máis dentro da rede de dinamización tecnolóxica proporcionar información no seu momento sobre esta subvención e axudar a cumplimentar e a subsanar os posibles erros sobre a mesma, polo que satisfáceme comunicar que as axudas concedidas son as seguintes:

PARA ADQUISICIÓN DE EQUIPAMENTO AUDIOVISUAL E MULTIMEDIA (modalidade A):
- Asoc. de Xóvenes a Turonia: 500€
- Club escolas deportivas municipais: 500€
- Asoc. de mulleres rurais Caselas: 400€

PARA A CREACIÓN DE MEDIOS DE INFORMACIÓN ELECTRÓNICA (modalidade B):
- Agrupación cultural Xunco: 400€
- Asoc. Xóvenes a Turonia: 400€

jueves, 9 de agosto de 2007

SEMANA DE XOGOS E CONTOS

Esta semana estiven acompañada no obradoiro infantil por nenos e nenas de Salceda de Caselas con idades comprendidas entre os 6 e 8 anos.
Por mor da calor e o cansancio debido a estas alturas do verán tiveron a sorte de poder adicar boa parte do obradoiro organizado pola rede de dinamización tecnolóxica a súa actividade preferida: os xogos. Ademais disto estivemos traballando con contos interactivos e, incluso, inventaron o seu propio conto e que poderá verse a través da rede.
Na foto vémolos a todos xuntos no Telecentro do Torrón mentres están a crear contos persoais animados para o resto dos nenos. Eles son: david, José, Jéssica, Diego e Paloma.
Mañá e o derradeiro día para estes nenos e, despois dunha merecida semana de vacacións, voltarei ás andadas cos rapaces e rapazas un pouquiño maiores.

viernes, 3 de agosto de 2007

E REMATANDO COS ADOLESCENTES...



Despois de dúas semanas en contacto coa mocidade de Salceda de Caselas, hoxe puxémolles o punto e final a unha moi boa experiencia cos rapaces.
Durante este tempo estivemos a dinamización tecnolóxica estivo centrada na práctica da mensaxería instantánea, na mellora do manexo do teclado, na creación dun blog persoal e na realización de diversos xogos on-line, unha das cousas que máis lles gusta.
O mellor blog, o de Carla, foi agasallado cun pendrive e entre o resto dos rapaces (Sergio, Iván, José, Gabriel, Rodrigo e Fernando) sorteáronse pendrives e camisetas.
A continuación poño un enlace aos seus blogs para que os poidades visitar cando desexedes.

martes, 31 de julio de 2007

NOVO PORTAL DE EMPREGO

Esta mañá ollando a web de sociedadedainformacion.eu atopei unha nova de bastante interese para a poboación pois, a Consellería de Traballo creou un portal para facilitar a busca de traballo na rede.
Este novo portal de emprego ten por principal obxectivo ofecerlle ao demandante unha atención persoalizada e funcionar coma unha ferramenta de intermediación entre demandantes e empresas en base ás directrices fixadas no convenio Servizo público de emprego de Galicia: novo modelo.
Con esta ferramenta de dinamización tecnolóxica preténdese eliminar todas aquelas xestión que son puramente burocráticas e polo tanto, cunha conexión a internet calquera demandante poderá, dende calquera lugar, renovar a súa demanda de emprego ou modificar o seu currículo, por exemplo.

martes, 24 de julio de 2007

REMATE DO PRAZO PARA A PREINSCRICIÓN DE NOVOS CURSOS

Como xa fun anunciando ao longo deste mes, esta semana remata o prazo para inscribirse nos múltiples cursos ofertados pola Rede de Dinamización da Sociedade da Información e que se van levar a cabo en colaboración entre os concellos de Salceda de Caselas e O Porriño.
Para poder solicitar algún deles é preciso que haxa preinscritas entre dez e quince persoas, a día de hoxe este feito tan só sucede no curso de Creación de bases de datos polo que, polo de agora a rede de Dinamización Tecnolóxica como moito nos concederá ese curso.
As persoas interesadas aínda estades a tempo de preinscribirvos, para iso so tedes que pasarvos pola OMIX de Salceda de Caselas e cubrir unha folliña. Tamén tedes máis información se baixades polo blog e vedes as noticias publicadas nas pasadas semanas.
Anímovos a que non perdades esta oportunidade.

viernes, 20 de julio de 2007

E SEGUINDO COS OBRADOIROS INFANTÍS.....
Outra semana máis que remata e, con ela, un novo obradoiro de dinamización tecnolóxica para rapaces. Escribo rapaces e non rapazas porque estas últimas están máis que escasas. Nos dous últimos obradoiros soamente asistiu unha a cada grupo!!! Sorprende, pero por cada sete rapaces que se anotaron soamente ven unha nena. Terán estas outras inquedanzas?.
Hoxe é a entrega de diplomas, de premios e, como non, un día máis para aprender e xogar.
Na foto podemos ver como Hugo, Almudena, Pedro, Raúl, Gustavo, Felipe, Noel e Edgar están a realizar distintas actividades nas computadoras.

martes, 17 de julio de 2007

OBRADOIRO DOS MÁIS "PEQUES"

Durante a pasada semana os nenos e nenas máis novos do Concello de Salceda de Caselas tiveron o seu primeiro achegamento ás novas tecnoloxías a través de xogos interactivos de movemento, clic e arrastre do rato e dun Ciberobradoiro de contos.
O certo é que a rapidez coa que os máis pequenos aprenden é pasmosa. Xa podiamos ter os maiores esa capacidade de indagar, de curiosear e de extraversión que eles amosan.
Na foto pódense ver a estes "pequenos xenios" (soamente asistiu unha nena). Eles e ela son: Diego, Hugo, Kevin, Paula, Alex, Dani, David e Breixo. Cabe salientar que as súas idades van comprendidas entre os 3 e os 6 anos.
Foron días moi divertidos e agradables dentro das experiencia de dinamización tecnolóxica que estou a vivir, polo que a toma de contacto cos habitantes máis pequenos do Concello de Salceda de Caselas pode calificarse como moi positiva e, de cara a un futuro, as nais e pais manifestaron que sería interesante dentro da rede de dinamización tecnolóxica seguir ofrecéndolles aos máis pequenos obradoiros deste tipo.

viernes, 6 de julio de 2007

XOGO E APRENDO

Durante estos últimos días, 8 nenos e nenas estiveron xogando e aprendendo a manexarse co ordenador a través de xogos e actividades que se estiveron a desenvolver no Telecentro do Torrón. Nestre primeiro grupo tiven a sorte de contar coa presencia de Xiana, Lara, José, Jéssica, Diego, Raúl, Pedro e Rebeca; podedes ver o traballadores que foron nas fotos.O luns comezarán un novo obradoiro os máis peques, todos eles teñen idades comprendidas entre os 4 e os 6 anos, esperemos que disfruten coas actividades programadas de dinamización tecnolóxica para eles.

jueves, 5 de julio de 2007

CONCURSO DE CURTAMETRAXES GALEGAS

Tal e como informa Mancomun.org, a Secretaría Xeral de Comunicación Audiovisual está levando a cabo en colaboración co Consello da Xuventude de Galicia o concurso de curtametraxes, micromovies e bitácoras Curtas na Rede por segundo ano consecutivo, dentro do Plan de Promoción das curtametraxes galegas. A contía dos premios que se conceden ascende a 25.000 euros que se reparten en cinco categorías segundo a idade dos participantes.
A páxina web do premio é o medio a través do cal os creadores e os usuarios rexistran as súas obras e votan polas preferidas. A web, deste xeito, funciona como unha plataforma audiovisual para todos os usuarios, que poden ademais descargar directamente as curtas para visioalas en reprodutores portátiles como o iPod ou o mp4.
Curtas na rede ten aberto o prazo de inscrición ata o 15 de setembro de 2007, momento no que o xurado avaliará as pezas para outorgaren os premios.

viernes, 29 de junio de 2007

CONTIDOS DOS NOVOS CURSOS

Hai uns días informeivos sobre os novos cursos que estamos a promocionar dentro da Rede de Dinamización da Sociedade da Información. Podedes velos, descargalos e imprimir a folla de preinscrición se lle dades a páxina un pouco máis para abaixo e ledes a mensaxe do xoves día 28.
Pois ben, hoxe gracias ao meu compañeiro Miguel que me facilitou o traballo, cólgovos os contidos referentes a cada un dos cursos de dinamización tecnolóxica que se ofertan por se queredes velos en profundidade.

DESPEDIDA DE OBRADOIRO

Esta noite péchase o último obradoiro para adultos dos tres que se estaban a realizar de Dinamización Tecnolóxica durante as últimas semanas no Concello de Salceda de Caselas a raíz do convenio asinado coa Consellería de Innovación e Industria.
Durante oito venres sete persoas puideron adquirir novos coñecementos relacionados con Internet: buscadores, correo electrónico e mensaxería instantánea.
Espero que a lo menos se viran cumpridas algunhas das expectativas creadas pol@s asistentes. Pola miña parte manifestar a miña satisfación polo desenvolvemento do grupo, que mostrou moito interese, iniciativa e curiosidade en todo momento.
Tiven a sorte de que asistise o grupo ao completo na penúltima sesión para a foto de despedida. Así que, por orden, pódese ver a Ricardo, Conchi, Deo, Ana Isabel, Ana María, Ricardo, Dolores e mais eu.

jueves, 28 de junio de 2007

NOVOS CURSOS

A Rede de Dinamización da Consellería de Innovación e Industria oferta unha serie de cursos que poden ser do voso interese. Estes cursos son completamente gratuítos e naqueles que se superen as 10 horas se lles entregará un certificado de asistencia aos participantes do mesmo.
Na ficha de prescrición poderedes seleccionar o horario e a data que mellor vos conveña, a data non pode ser posterior ao 28 de setembro, eu coido que a primeira quincena dese mes é a máis axeitada por pasar xa os meses estivais. Para que nós, como membros da Rede de Dinamización Tecnolóxica, poidamos solicitar e realizar os cursos é preciso acadar entre 10 e 15 prescricións en cada un deles.
Como xa sabedes, o estado dos equipos de O Torrón non é o máis axeitado, polo que os cursos celebraranse conxuntamente co dinamizador do Concello do Porriño no Centro Multiusos de Torneiros. Para solicitar o curso que máis vos interese debedes cubrir a ficha de prescrición e facerma chegar, ben sexa traéndoa á OMIX ou ben a través do correo electrónico no seguinte enderezo: leticia.salceda@dinamiza.sociedadedainformacion.eu. O prazo para anotarse remata o vindeiro día 25 do mes de xullo.
A entrega da ficha de prescrición supón o coñecemento destas normas así como o compromiso por parte do solicitante da participación no curso en caso de estar entre as/os seleccionadas/os ou de dar aviso, en caso de non poderes asistir, con anterioridade aos 2 días do comezo do mesmo.
Aqueles que non saibades que curso é o máis axeitado para vós, dicirvos que o procesador de textos é moi importante á hora de traballar nun ordenador, así que senón controlades ningún ese sería o curso axeitado. Outros interesantes poden ser “Introducción ao OpenOffice”, “Presentacións” e para usuarios máis avanzados “Follas de Cálculo”, “Bases de Datos” e “Construcción de Páxinas Web”.

jueves, 21 de junio de 2007

OBRADOIROS DE VERÁN PARA NEN@S

O Concello de Salceda de Caselas en colaboración coa Rede de Dinamización da Sociedade da información ten programado iniciar a inscrición para os obradoiros de verán para nenos e nenas.
Estes obradoiros levaranse a cabo no CDL e Telecentro de O Torrón en horario de 10:00 a 11:30 da mañá e o prazo para anotarse nos primeiros obradoiros remata o día 28 deste mes (prazas limitadas a 8 nen@s por obradoiro).
Os grupos de idade aos que van dirixidos, as datas, e as actividades que se realizarán son as seguintes:
4-6 anos: Xogando e aprendendo, Son un artista: debuxo e pinto e Ciberobradoiro de Contos. (9-13 xullo).
7-9 anos: Primeiros pasos no ordenador e xogo e aprendo. (2-6 xullo).
7-9 anos: Debuxo e pinto e Ciberobradoiro de contos. (6-10 agosto).
10-12 anos: Xogo e aprendo e Ciberobradoiro de contos (17-20 Xullo).
10-12 anos: Creando a miña primeira web persoal, comunícome cos meus compañeiros/as (20-24 agosto).
13-15 anos: Xogo e aprendo, creando a miña primeira web persoal e comunícome cos meus compañeiros/as. (23 xullo-3 agosto).

Para maior información e inscricións podedes atoparme na OMIX, no teléfono 986 34 90 03, ou ben, nestes enderezos electrónicos:

miércoles, 20 de junio de 2007

PECHE DE OBRADOIROS

Nas últimas seis semanas estivéronse a desenvolver no Concello de Salceda de Caselas, en colaboración coa Rede de Dinamizadores da Sociedade, unha serie de obradoiros cuio principal obxectivo son que a poboación asistente coñeza e se poda manexar dunha maneira autónoma en Internet.
Entre outras moitas cousas traballouse a búsqueda de información en Internet, o correo electrónico e a mensaxería instantánea. Onte foi a despedida dun deles e, esta noite, porase o fin a outro.
Na foto podemos ver a algunhas das asistentes do turno da noite. Por orden, elas son: Matilde, Ramona, Carmen, Patricia e Anuncia. Fallounos Isidro, que andaba en festas, pero se non nos falla nesta última sesión, contaremos con el para facer a foto de despedida.
Espero que cada quen lle sacase o seu propio partido a esta formación e que, no futuro, lles poida servir de utilidade tantos días de pelexa continua cos equipos.

miércoles, 13 de junio de 2007

NOVO PORTAL DA REDE DE DINAMIZACIÓN EN GALICIA

Despois de longos meses de espera, por fin a Rede de Dinamización da Sociedade da Información conta cun espacio web propio no que se poden consultar calquera actividade, curso ou obradoiro realizado por calquera dinamizador/a galeg@.
Ademais disto tamén servirá como ferramenta de coordinación e apoio as case cen persoas que formamos o seu cadro do seu persoal.
Se entrades na miniweb que corresponde a Salceda de Caselas atoparedes algunha información sobre as iniciativas desenvolvidas neste Concello pero, debido as limitación da web, neste blog continuaredes a recibir a información máis actualizada e ampliada; polo que, SEGUIDE A VISITARME!!

jueves, 7 de junio de 2007

AXUDAS DO IGAPE PARA AS PEMES

O Igape promove a mellora da produtividade das pemes galegas mediante o apoio á realización de investimentos de carácter tecnolóxico comprendidos entre 100.000 e 600.000 euros e destinados á incorporación de bens de equipo, tamén de carácter tecnolóxico, que se integrarán na cadea de valor ou en departamentos de I+D, deseño ou ensaio. As pemes interesadas nestas subvencións, que poderán cubrir ata o 40%, poderán presentar as súas solicitudes (http://www.tramita.igape.es) a partir de hoxe e ata o próximo 31 de agosto.

lunes, 4 de junio de 2007

AXUDAS PARA FINANCIAR CONTIDOS DIXITAIS

O Ministerio de Industria ten aberta unha convocatoria de axudas e subvencións para o desenvolvemento de contidos e servizos dixitais no marco do Plan Avanza.
Pódense presentar concellos e entidades sen ánimo de lucro, pero téñeno que facer antes do 28 de xuño. Son 12 millóns de euros a repartir en proxectos, que poden contribuír a executar as actuacións prevista no PEGSI.

Para máis información podedes consultar a web do Plan Avanza.

viernes, 25 de mayo de 2007

CURSO DE MIGRACIÓN DE SOFTWARE PROPIETARIO A SOFTWARE LIBRE EN VIGO

Segundo informa GALPon -Grupo de Amigos de Linux en Pontevedra-, o vindeiro 29 de maio comezará no Centro de Iniciativas Profesionales (CIP) en Vigo un curso gratuíto de 40 horas de duración sobre Migración de Software Propietario a Software Libre, en horario de 19:30 a 22:00 horas.
Podedes atopar máis información no teléfono 986.472.211 ou en cip@cip-formacion.com.

jueves, 24 de mayo de 2007

CADEAS DE 100 NOMES PROPIOS EN GALEGO: NOMES PROPIOS EN GALEGO RECOLLIDOS NA FESTIVIDADE DO 17 DE MAIO

A actividade realizada co gallo do Día das Letras Galegas, Día de Internet e Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información en Salceda de Caselas co fin de recoller o maior número de nomes propios en galego tivo como resultado a seguinte relación de nomes propios:

NOMES PROPIOS PARA NENAS: Antía, Ánxela, Branca, Carme, Catuxa, Dores, Erea, Icia,Iria, Ione, Ledicia, Mariña, Olalla, Sabela, Tareixa, Tegra, Uxía, Virxinia, Xema, Xiana, Xonxa e Xosefa.

NOMES PROPIOS PARA NENOS: Aleixo, Antón, Anxo, Bieito, Brais, Breixo, Breogán, Cibrán, Flavio, Fuco, Lois, Martiño, Nicolau, Paio, Roi, Telmo, Uxío, Xabier, Xacobe, Xan, Xesús, Xian, Xoel, Xosé e Xurxo.

miércoles, 16 de mayo de 2007

ENCUENTRA TIC: TERCEIRO ENCONTRO TECNOLÓXICO EN VIGO

O vindeiro 22 de maio no Salón "Nogueira Dalmás", Clube Financieiro de Vigo, celebrarase o Terceiro Encontro Tecnolóxico co que se pretende cas empresas do sector das TIC poidan establecer contactos co fin de atopar puntos de colaboración.
Podedes atopar máis información sobre a programación e a inscripción pinchando aquí.

lunes, 14 de mayo de 2007

CADEAS DE 100 NOMES PROPIOS EN GALEGO
O vindeiro 17 de maio por mor da celebración do Día de Internet, Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información e o Día das Letras Galegas, o Concello de Salceda de Caselas proponse a contribuir coa seguinte iniciativa: Elaboración de cadeas de 100 NOMES PROPIOS EN GALEGO.
A raíz dunha serie de correos electrónicos enviados pola Dinamizadora da Sociedade da Información tratarase de involucrar á maior poboación posible para que nunha mensaxe masiva engadan o seu nome de neno/a en galego preferido.
A partir do día 23 de maio poderase consultar neste blog os nomes que se foron recadando ao longo da semana.
Ademais as persoas que participen entrarán a formar parte dun sorteo de 10 agasallos doados pola Consellería de Innovación e Industria.
Para máis información ou para participar poderedevos dirixir á seguinte dirección de correo electrónico:
leticia.salceda@dinamiza.sociedadedainformacion.eu, nel podedes consultar calquera cousa sobre isto ou sobre outras moitas actividades que se están a desenvolver dentro da Rede de Dinamización Tecnolóxica.
Os futuros nenos e nenas de Salceda de Caselas agradecerán as vosas aportación!!!!!

viernes, 4 de mayo de 2007

INICIATIVA 1@ - 1
Dende o equipo de Coordinación dos Dinamizadores da Sociedade da Información informáronnos desta iniciativa asturiana, cuxo fin é fin é financiar proxectos destinados a reducir a brecha dixital nos países e colectivos desfavorecidos. Trátase dun proxecto de Cooperación ao Desenvolvemento no ámbito da Sociedade da Información.
Para facelo posible, é necesaria a participación do público: entidades, usuarios-as, persoas que a título individual e/ou profesional, queiran apoiar a iniciativa. Por cada inscripción que se realice poñerase en circulación 1€ que obterán de patrocinadores/colaboradores. Con este financiamento, desenvolverán proxectos TIC en países desfavorecidos. Así que o único que hai que facer para por o noso grao de area é inscribirnos na Web:

lunes, 30 de abril de 2007

+ INTERNET + GALEGO + FUTURO

A Consellaría de Innovación e Industria desenvolverá a campaña +Internet+Galego+Futuro con motivo da tripla celebración, o vindeiro 17 de maio, do Día de Internet, o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información e o Día das Letras Galegas. Durante dezasete días, entre o 1 de maio e o 17 de maio a rede galega acobillará diversas iniciativas nas que se reflexionará de modo mancomunado sobre Internet, a lingua galego e o futuro.
Mais internet, máis galego, máis futuro nesta edición de 2007 quere focalizar a súa atención nos contidos e servizos que están dispoñíbeis en lingua galega na rede. Un rico e amplísimo catálogo de web acollen información sobre os máis diversos ámbitos desde a creación artística á presentación de políticas e servizos públicos, pasando por bases de datos, xestións en liña ou ferramentas telemáticas para a relación coa administración, as empresas ou as organizacións sociais.

viernes, 27 de abril de 2007

NOVOS OBRADOIROS DE INICIACIÓN A INTERNET

O vindeiro luns abrirase o prazo para inscribirse nos novos obradoiros de Iniciación a Internet que se celebrarán no CDL e Telecentro O Torrón.
Ao igual que sucedeu nos anteriores obradoiros, realizaranse tres turnos:
- Luns e mércores de 20:30 a 22:00 horas.
- Martes e xoves de 10:00 a 11:30 horas.
- Venres de 22:30 a 22:30 horas.
Para inscribirse e para máis información podedes acudir á OMIX do Concello de Salceda de Caselas ou chamar ao teléfono 986 34 90 03.

jueves, 26 de abril de 2007

CURSOS SOBRE SOFTWARE LIBRE NA CEP

A Confederación de Empresarios de Pontevedra organiza un curso de migración de softwaare propietaria a Software Libre de 40 horas de duración. Este curso comezará o 3 de maio e rematará o 8 de xuño; sendo impartido os martes, xoves e venres de 19.30 a 22.00 en Vigo.
Tamén en Vigo terá lugar un curso sobre administración de sistemas de Linux de 50 horas e de luns a xoves de 19.30 a 20.30.
Podedes ter máis información dirixíndovos á CEP, a través do correo electrónico cep@cep.es ou no teléfono 986 446 300.
Fonte: mancomun.org

miércoles, 25 de abril de 2007

FINALIZACIÓN DO OBRADOIRO DE INICIACIÓN A INTERNET PARA POBOACIÓN ADULTA

O próximo venres día 27 de abril poremos fin ao terceiro Obradoiro de Iniciación a Internet realizado no CDL e Telecentro de O Torrón.
Este obradoiro está encadrado dentro das accións levadas a cabo pola Consellería de Innovación e Industria e o Concello de Salceda de Caselas co fin de rachar coa fenda dixital na que se atopa inmersa a Galicia rural.
Nesta ocasión foron cinco as persoas que asistiron a este turno nocturno durante sete venres. Na foto podemos ver a Antonio, Luz, Mar, Mirta e Cibeles.
Próximamente darán comezo novos obradoiros coa mesma temática, dada a alta demanda por parte da poboación de obradoiros de iniciación. Nos vindeiros días publicarase máis información acerca das datas e horarios.

martes, 24 de abril de 2007

XORNADAS DAS NOVAS TECNOLOXÍAS APLICADAS AOS NEGOCIOS EN VIGO

O vindeiro martes e mércores 24 e 25 de abril celebraranse no "Club Financieiro de Vigo" as Xornadas das Novas Tecnoloxías Aplicadas aos Negocios.
A asistencia ás ponencias é gratuita, pinchando aquí podedes acceder ao impreso de inscripción e ao programa.
NOVAS SUBVENCIÓNS EN MATERIA DE TIC,s
No DOG con data de hoxe podemos atopar as seguintes subvencións de interese en materia de novas tecnoloxías:
- Subvencións destinadas a entidades de dereito público e privado, sen ánimo de lucro, con excepción das administracións públicas territoriais, para promover actuacións de difusión e formación relacionadas co desenvolvemento da sociedade da información na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para 2007.
- Subvencións aos investimentos das empresas en materia da sociedade da información, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.
Se son do voso interese podedes consultar as bases pinchando no enlace correspondente no punto que aparece a man dereita e no que pon "Axudas e subvencións vixentes". Ahí tamén podedes atopar outras axudas e subvencións que se atopan dentro de prazo.

viernes, 20 de abril de 2007

I XORNADA SOBRE INNOVACIÓN, EMPRENDEMENTO E TECNOLOXÍA

Estas Xornadas celebraranse o día 25 de abril no Auditorio do Centro Social de Caixanova en Vigo para aqueles que desexen apostar pola difusión de valores como a creación de confianza, a colaboración e o posterior traballo en equipo.
O progama de expertos terá como colofón a participación do Sr. Richard Morley.
Para coñecer máis datos sobre o programa e a preinscripción pincha aquí.

miércoles, 18 de abril de 2007

DESPEDIDA DE OBRADOIRO DE INICIACIÓN A INTERNET



Onte celebrouse a última sesión do obradoiro de Iniciación a Internet para Xubilados no CDL de O Torrón. En xeral, as persoas manifestaron estar satisfeitas co transcurso do obradoiro, aínda que lles gustaría que durase máis tempo para así poder practicar todo o aprendido durante estas últimas semanas.
Como despedida, algúns dos asistentes deleitáronnos con bebida, galletas e bombóns, polo que celebramos un final de obradoiro moi agradable. Tiven a ledicia de recibir por parte de Alfonso, un dos xubilados que partindo dende cero conseguiu alcanzar un nivel de usuario máis que aceptable, un bonito obsequio. Prometinlle por a súa foto neste blog, así que todos podedes ver a man dereita ao bonito cancillo de peluche.
Por último, sacamos unha foto de grupo na que aparecen dúas das persoas que non poideron asistir o día no que sacamos a anterior, polo que tamén a colgo para que se poidan recoñecer. Nela podemos ver a Julio, Carlos, Maximino, Alfonso, Andrés, Mª Dolores e Placer.

martes, 17 de abril de 2007

XORNADAS DE SOFTWARE LIBRE NO CONCELLO DE MUGARDOS

O vindeiro sábado día 21 celebraranse no Concello de Mugardos as IV Xornadas sobre Software Libre.
A entrada é libre e gratuíta, así que aquelas persoas que esteades interesadas en coñecer mellor o software libre non dubides en acudir.
Podedes acceder ao programa no seguinte enlace:

lunes, 16 de abril de 2007

SEGUNDO OBRADOIRO DE INICIACIÓN A INTERNET

O vindeiro día 17 poremos fin ao segundo Obradoiro de Iniciación a Internet que se está a desenvolver no CDL de O Torrón. Nesta ocasión a maior parte dos participantes son xubilados do Concello de Salceda de Caselas os que acudiron durante 15 horas á cadea de obradoiros relacionados con internet: buscadores, comercio electrónico e mensaxería instantánea.
Esperando que as súas necesidades formativas estean cumpridas, a partires de agora poderán acudir libremente ao Telecentro cando así o desexen.
Na foto podemos ver ás persoas que asistiron á sesión celebrada o pasado día 12 de abril: Alfonso, Leticia (Dinamizadora da SI), Maximino, Mª Dolores, Julio e Placer. Por diversos motivos, ese día non poidemos contar coa presencia de Amelia, Andrés e Carlos; que non están presentes na fotografía, pero que non nos esquecemos deles.

miércoles, 11 de abril de 2007

REMATE DO OBRADOIRO DE INICIACIÓN A INTERNTE PARA AMAS DE CASA

Esta noite porase fin ao primeiro obradoiro de Iniciación a Internet para amas de casa realizado no CDL e Telecentro O Torrón.
O obradoiro está enmarcado dentro das accións formativas que se están a realizar no Concello de Salceda de Caselas co fin de achegar as novas tecnoloxías á máxima poboación posible, a raíz do convenio asinado coa Consellería de Innovación e Industria.
Este obradoiro estivo composto por tres módulos ben diferenciados: Os buscadores, O correo electrónico e a Mensaxería instantánea.
Na foto podemos ver a algunhas das persoas que rematarán hoxe a súa formación: Mayte, Lucía, María, Ángela e Leticia (Dinamizadora Tecnolóxica).
Na actualidade, continúan en marcha dous obradoiros máis de dinamización tecnolóxica coa mesma temática; un dirixido á poboación en xeral e outro para xubilados.

lunes, 9 de abril de 2007

INDICADORES DA SOCIEDADE DA INFORMACIÓN (Febreiro 2007)
Acaba de publicarse unha colección de indicadores da Sociedade da Información preparada pola Subdirección Xeral de Estudios e Plans de Actuación do MITYC partindo de dúas fontes: o INE e o Eurostat.
Entre outras moitas cousa, neste estudio podemos apreciar o posto que ocupa Galiza, en relación ao uso de Internet nos fogares, con respecto ao resto das comunidades autónomas; así como a situación na que se atopan as empresas en canto ao comercio electrónico se refire. Pódese constatar a necesidade de actividades de dinamización tecnolóxica no país.
No seguinte enlace pódese acceder á información completa:

miércoles, 4 de abril de 2007

CURSO PROMOTOR/A DE PROXECTOS TIC EN O PORRIÑO

O obxectivo deste Curso consiste en formar a un grupo de técnicos/as con experiencia en asesoramento empresarial na detección, asesoramento e seguemento de proxectos TIC, co fin de capacitalos para dar soporte a novos proxectos no ámbito da Sociedade da Información. A financiación comunitaria específica para proxectos TIC, o análise estratéxico do sector e o plan de negocio dunha empresa TIC, serán algúns dos temas que se impartirán neste innovador curso.

O curso desenvolverase dende o 19 de abril ao 8 de xuño, rematando o prazo de inscripción o día 13 do presente mes.

Para máis información podedes consultar a seguinte páxina web:

martes, 3 de abril de 2007

PREMIO PARA O PLAN ESTRATÉXICO DA SOCIEDADE DA INFORMACIÓN E DA INDUSTRIA
Con data de 30/03/07 publicouse na edición dixital do diario "El País" a nova pola que se lle otorga un premio EGANET ao Pan Estratéxico da SI e da Industria, para visionar a nova soamente tedes que pinchar no seguinte enlace:

lunes, 2 de abril de 2007

DINAMIZACIÓN TECNOLÓXICA EN SALCEDA DE CASELAS
As Tecnoloxías da Información e Comunicación (TICs) designan un conxunto de innovacións tecnolóxicas pero tamén as ferramentas que permiten unha redefinición radical do funcionamiento da sociedade.

Un dos principias obstáculos para acadar unha equidade da poboación no acceso ás TICs é o que se coñece como “fenda dixital”. Desta necesidade xurde a figura dos Dinamizadores da Sociedade da Información como axentes tecnolóxicos de desenvolvemento local, coa finalide de achegar aos habitantes do rural as novas tecnoloxías.

A Consellería de Innovación e Industria nun afán por paliar a situación de desventaxe na que se atopa Galicia no que ás TICs se refire con respecto ás restantes Comunidades Autónomas está a apostar por iniciativas como a que se está a desenvolver no Concello de Salceda de Caselas, en calidade de Entidade Colaboradora. Así ata finais do mes de setembro o Concello conta cunha Dinamizadora da Sociedade da Información (Leticia Cañedo) co cometido de desenvolver diferentes iniciativas de actuación de cara a achegar as novas tecnoloxías á máxima poboación posible.

Nos vindeiros meses irei publicando todo o que se está a desenvolver na actualidade, futuras actividades, axudas e novas relacionadas coa Sociedade da Información a través deste Blog, esperando que serva como ferramenta de información e intercambio de opinións.
Para calquera consulta ou dúbida podedes porvos en contacto conmigo a través das seguintes canles:
Dirección: OMIX, Praza do Concello, s/n, 36470, Salceda de Caselas.
Teléfono: 986 349 003
Correo electrónico: dinamiza_leti@hotmail.com