miércoles, 8 de octubre de 2008

SUBVENCIÓNS PARA A ADQUISICIÓN DE ORDENADORES

Segundo información da páxina web da Rede de Dinamización da S.I, a Consellería de Innovación e Industria vén de convocar unha subvención para a adquisición de ordenadores.
Poderán solicitar e beneficiarse destas axudas os traballadores por conta propia de Galiza, dados de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos da Seguridade Social, con domicilio e alta fiscal no I.A.E. para a súa actividade económica en Galiza, agás os comerciantes retallistas, dado que existen liñas de axuda desta consellería específicas para ese colectivo e para os mesmos investimentos.
O investimento irá destinado á adquisición dun ordenador persoal portátil ou de sobremesa con sistema operativo LINUX e aplicativos en software libre: OpenOffice e Mozilla Firefox.
Non se considera subvencionábel a adquisición de licenzas de software adicionais á subministración básica do ordenador persoal, outros periféricos (por exemplo: impresoras, discos externos, etc), ou outro tipo de terminais (axendas electrónicas, tablet PC, teléfonos móbiles, etc). A axuda acadará o 45 % do investimento subvencionábel, cun límite máximo de 350 € para cada solicitante. O investimento subvencionábel determínase aplicando a porcentaxe de axuda sobre a base impoñíbel, excluíndo o IVE correspondente, que deberá ser achegado na súa totalidade polo beneficiario. As subvencións tramítanse directamente a través dos provedores de equipamento informático que solicitaron ser entidades colaboradoras da Consellería de Innovación e Industria para o desenvolvemento desta liña de axudas.
Os traballadores autónomos que queiran solicitar unha destas subvencións deberán presentar na propia entidade colaboradora a seguinte documentación:
a) Copia do DNI ou NIE, en vigor, no que deberá constar o enderezo dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Copia de documento de pago mensual á Seguridade Social do mes anterior á solicitude, do Réxime Especial de Traballadores Autónomos.
c) Identificación, por declaración do solicitante, do epígrafe do IAE e localidade da Comunidade Autónoma de Galicia na que se atopa dado de alta censual no IAE.
d) Exclusivamente para o caso de que o DNI ou NIE non acredite o domicilio dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá requirirse do solicitante a presentación de certificado expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria no que figure o domicilio fiscal do solicitante. A antigüidade máxima deste certificado será de 3 meses.
A concesión da subvención será inmediata no caso de que o solicitante cumpra con todos os requisitos para ser beneficiario, e o crédito total destinado a esta liña de axudas non estea esgotado.
As solicitudes de axuda poderanse presentar na entidades colaboradoras a partir do 9 de outubro de 2008 e durante o ano 2009, até esgotar o crédito total consignado pola Consellería de Innovación e Industria para este proxecto que son: 659.400 € no ano 2008 e 999.950 € no ano 2009. Esta axuda conta co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.
Podedes atopar máis información no telf: 981 545 583.
Para ver a orde do DOGA onde aparece a subvención pincha aquí

jueves, 18 de septiembre de 2008

ESGOTADAS AS PRAZAS PARA OS OBRADOIROS DE OUTUBRO EN SALCEDA DE CASELAS


No vindeiro mes de outubro realizaranse máis de oito obradoiros na nova aula que a Rede de Dinamización da Sociedade da Información montou no Concello de Salceda de Caselas.
Estes obradoiros van dirixidos á poboación en xeral, ás mulleres e á xuventude e a temática será variada: iniciación á informática, ao procesador de textos, a internet, manexo do teclado e do rato , suit ofimática e creación dunha conta de correo electrónico.
A día de hoxe tódalas prazas están cubertas, debido a grande demanda recibida durante os meses anteriores nos que só se contaba cunha aula a disposición parcial, polo que non se descarta ampliar a oferta no que resta de mes.
A aula tamén está a disposición da poboación para o seu uso libre e gratuito, sendo pechada nas horas de formación.
Calquera dúbida ou consulta será resposta no seguinte enderezo: leticia.salceda@dinamiza.sociedadedainformacion.eu

viernes, 5 de septiembre de 2008

AULA ABERTA E GRATUITA CON INTERNET


No Concello de Salceda de Caselas en colaboración coa Rede de Dinamización da Sociedade da
creouse un aula de ordenadores con aceso a Internet de uso libre e gratuíto para os usuarios e
usuarias que queiran realizar actividades ou conectarse a Internet.
A aula, situada nas dependencias do Concello e compartindo espacio coa OMIX, está composta
por nove computadores de sobremesa e un portátil con software libre, dúas impresoras, un
escáner, un proxector e unha cámara de fotos dixital.
O horario de atención durante o mes de setembro é de luns a venres de 08:30 a 15:30 e, mentres
non se realicen obradoiros, a aula estará tamén aberta para os usuarios e usuarias que desexen
utilizala (consultando semanalmente á dinamizadora encargada do aula as datas de uso libre).
Para calquera consulta, pódese chamar ao número de teléfono 986349003 ou escribir un email a
leticia.salceda@dinamiza.sociedadedainformacion.eu.

jueves, 31 de julio de 2008

PECHE POR VACACIÓNS

Hoxe comezarei a miñas merecidas vacacións. Ata o vindeiro día 4 de setembro, Salceda de Caselas quedarase sen dinamizadora da sociedade da información.
Pero, non todo é malo, a boa nova é que a partires desa data o Concello contará cunha nova aula de informática sita nas instalacións da OMIX.
Espérovos a partires dese día!!!

viernes, 18 de julio de 2008

INICIO DAS OBRAS PARA A CREACIÓN DUNHA NOVA AULA DE INFORMÁTICA

Esta semana está a ser clave para o bo desenvolvemento das accións levadas a cabo a través da Rede de Dinamización da Sociedade da información en Salceda de Caselas. Dende hai tres días as rapazas da Escola Obradoiro que está a restaurar o antigo Concello, levan traballando na aula provisional de informática que estará ubicada na Omix.
A día de hoxe xa están colocadas as mesas para dispor nelas dez ordenadores e a mampara que separará a aula da zona de atención ao público.
Nas vindeiras semanas espero poder comunicar que xa temos un aula aberta no centro da vila para o uso e disfrute dos salcedenses, á vez que será empregada para a realización dos distintos obradoiros de alfabetización dixital que ata o de agora se estaban a levar a cabo no Torrón.

miércoles, 2 de julio de 2008

FESTEXOS

Non todo é traballar, algúns obradoiros van tocando o seu fin e tamén hai que festexalo. Como vos galegos que somos os participantes dalgúns obradoiros e máis eu saímos a tomar uns pinchiños e, como non, a ourella e o polvo non faltou.
Segue sendo un pracer ver como a xente de Salceda de Caselas vai adquirindo mellores mañas ante os ordenadores e pasiño a pasiño comezan a perderlle o medo.
Actualmente seguen activos os obradoiros de folla de cálculo e de iniciación ao procesador de textos, aínda que seguimos anotando ás persoas interesadas para novos obradoiros. Como sempre, animarvos a pasar pola OMIX e a falar coa dinamizadora para informarvos.

martes, 17 de junio de 2008

AXUDAS PARA A CREACIÓN DE CONTIDOS INTERACTIVOS EN GALEGO

Na páxina da Rede de Dinamización atopamos información sobres estas axudas. Segundo a convocatoria enténdense por contidos dixitais interactivos as producións constituídas por un conxunto de informacións representadas en múltiples soportes expresivos (texto, son, imaxe estática ou en movemento e codificadas dixitalmente). Non se admitirán proxectos que non sexan en rede agás para os videoxogos, nin se admitirán obras de consulta, ferramentas e servizos de software, proxectos institucionais ou web corporativas, traducións de produtos existentes ou contidos meramente informativos. O prazo de presentación das solicitudes para acollerse ás axudas remata o 12 de xullo.
As axudas buscan impulsar o uso da Sociedade da Información entre a cidadanía galega, favorecer o acceso da cidadanía mediante o incremento de contidos relacionados coa lingua e a cultura propias e reforzar a industria galega de produción de contidos.
Podedes consultar as bases completas da convocatoria premendo no apartado de "Axudas e subvencións" que aparece a man dereita do blog.